Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .
 

> Solos e Vexetación

Os solos son, en xeral, ácidos e necesitan unha forte corrección para conseguir que sexan aptos para o cultivo. Os da metade oriental presentan unha considerable dificultade de drenaxe, polo que aquí son característicos os gley e seudogley. Nas áreas máis próximas ós cursos de auga aparecen a “vega parda alóctona” e nas zonas montañosas dominan os solos tipo ranker-pardo. En canto á vexetación, asístese a unha transición caracterizada pola crecente desaparición da vexetación autóctona (arbórea caducifolia) aínda que perviven pequenos bosques de carballos, importándose un novo tipo de vexetación da que destaca o pino, silvestre galego e insigne.

No sotobosque predominan os arbustos (matagueiras, brezales, silveiras, xesteira...), mentres que ás beiras dos ríos e regatos, xurde unha vexetación característica, o chamado “bosque de inundación”, composto por ameneiros, bidueiros e freixos. Este tipo, escaso no resto da Europa Atlántica, presenta unha fauna asociada que axuda a manter este peculiar ecosistema e viceversa, xa que as lagoas, caneiros e prados húmidos actúan como zona de invernada e cría para numerosa avifauna: garzas reais, martinetes, lavandeiras ou paporrubios conviven con réptiles e anfibios como tritóns, ras verdes ou serpes de auga.


Existe, ademais, unha gran abundancia de especies piscícolas como troitas ou anguías e, en xeral, relacionados cos ríos, atopamos outros animais como lontras ou cangrexos de río.

Alevíns ladra Alevíns ladra
Solta de alevíns no Ladra Pescando en Santa Isabel

O resto da fauna do Concello, non presenta grandes diferenzas cá da chaira lucense; lobos, xabarís, corzos ..., habitan os bosques, xunto con aves rapaces comúns nocturnas como a curuxa ou o moucho; vacalouras (asociadas as masas de carballos); esquíos, perdices, coellos, lebres ...etc, que fan deste Concello un lugar de interese ecolóxico e paisaxístico, á vez que é un reclamo nas temporadas de pesca ou de caza para os afeccionados a estes deportes.

En Outeiro de Rei hai na actualidade tres tecores societarios que son:
  • Tecor Vicinte –– Santa Comba (parroquias de Vicinte, Martul, Parada e barrio de Santa Comba de Aspai)
  • Tecor Outeiro de Rei (parroquias de Aspai, Francos, Candai, Santo Tomé e Gaioso)
  • Tecor Santa Isabel (parroquias de Outeiro de Rei, Robra, Guillar, Santa Mariña, Bonxe, San Lourenzo, Cela, Arcos, Sobrada, Caboi, Castelo, Folgueira, Matela, Vilela, Taboi, Silvarrei, San Clodio e Mosteiro)
En canto ós cotos de pesca, no municipio hai varios tramos de ríos acoutados no Miño e no barrio de A Ponte (Gaioso) hai un canal de cría de alevins a cargo da Asociación de Pesca Río Ladra.

Son tramos de augas lentas válidos para a práctica de diversas modalidades de pesca (con “cucharilla” ou con mosca ó inicio da tempada ou con cebo natural a partir do mes de maio).


Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .