> Persoeiros relevantes



> MANUEL MARÍA F. TEIXEIRO
Manuel María Este poeta, dramaturgo e narrador, naceu o 6 de outubro de 1929 en San Xoán de Outeiro de Rei. Finou o 8 de setembro do 2004 na Coruña. Iniciou a súa vida cultural e literaria no Lugo da posguerra, onde estudiou o bacharelato, participando nas tertulias do café "Méndez Núñez" con Pimentel, Fole, Piñeiro ou Ánxel Xohan. Con este último fundaría anos máis tarde, no 1952, a colección Xistral de Poesía.

Despois de estudiar Filosofía e Letras en Santiago, onde estableceu contactos coa Xeración Nos, galeguistas composteláns, así como co pintor Maside, quen máis influíu na súa formación [segundo palabras do propio Manuel María] obtén o título de Procurador de tribunais (1957), trasladándose a Monforte para desempeña-lo citado cargo.

En canto a súa obra literaria foi no xénero poético onde máis destacou, gañando entre outros o Premio Castelao de Poesía (1952) e o Premio Pondal de Poesía do Centro Galego de Bos Aires (1955). Dita producción poética componse de 41 obras, entre as que se atopan:
· " Advento " (1954).
· "Terra Chá" (1954).
· "Os soños na gaiola" (1968).
· "Cancións do lusco ó fusco" (1970).
· "O Miño canle de luz e néboa" (1996).

Como dramaturgo é autor de máis de 20 obras teatrais, entre elas: "Auto o mariñeiro" (1961) ou "A farsa de Bululú" (1973 // Premio Abrente).

A súa obra narrativa, premiada polo Centro Galego de Bos Aires (1970) está constituída entre outros títulos por: "O Xornaleiro e sete testemuñas" (1971) e "Cando o mar foi polo río" (1992).

Ó labor desta fecunda creación literaria, súmanse moitas outras tarefas: conferencias, recitais, etc, que poñen de manifesto o sincero e grande amor que Manuel María sente polo pobo e pola terra que o viu nacer. El mesmo escribiu:

Eu son Manuel María.
Nacín o ano 30, o 6 de Outono,
en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Son dunha casta rexa de labregos
fideles á súa terra i o Deus.
Agora son un namorado.
Eu son Manuel María,
cantor da Terra Chá que algúns din.
Cantor da Terra Chá que leva un
cravada nas entranas, penso eu.


Na súa obra "Terra Chá" (1954) reeditada no 1967 e 1972, é onde mellor se plasma o compromiso total deste poeta ca súa terra. A continuación engadiremos algúns destes poemas:

POEMIÑA DAS PENAS DE RODAS

En Gaioso, ollando a Chá,
hai duas penedas ergueitas.
¡Semellan non ser verdá
redondeces tan ben feitas!

As Penas de Rodas son
dous ollos aluciados
que espían con atención
os eidos máis alonxados.

Si ambas penas se desfán
arde, o mundo, un tesouro:
¡unha pena é de alquitrán,
a outra unha trabe de ouro!

Non sodes, non, cantería,
ouh penas de encantamento.
¡Temo que calqueira día
vos poida levar o vento!
BARRO

1. Estes dous povos, Bonxe e Silvarrei
tan soio teñen barro de boa lei.
As terras son malas, malas, malas
e de pouco ou de nada val labralas:
¡teñen berro somentes e barreiros!
¡No pais non hai outros cacharreiros
que lle teñan ó seu oficio tanta lei
como as xentes de Bonxe e Silvarrei!


2. En Silvarrei non hai cacho nin cacharro
pois xa ninguén trabilla o barro.
En Bonxe soiamente ó Manuel do María
i o Indalecio sosteñen, día a día,
a tradición da vella alfarería
pola que digo, tristeiro, esta elexía.

CANTIGA DA ROMAXE DE SANTA ISABEL

Madre, en romaxe a Santa Sabel irei;
a Santa Sabel de Outeiro de Rei
que eu estou moi soio
e de amor non sei

Madre, a Santa Sabel hei de ir
e tódalas coitas verei fuxir
nesta romería
que eu ben cantaría.

E bailarei, madre, sú a abidueira;
e bailarei, madre, a miña maneira
nesta romería
que eu ben cantaría.


Irei, ¡ai madre!, a Santa Sabel
a buscar amiga como un carabel
nesta romería
que eu ben cantaría.

Amiga fremosa de ceio e de liño
buscarei, mi madre, xunto ó rio Miño
nesta romería
que eu ben cantaría.

¡Madre, mi madre, que me namorei
na Santa Sabel de Outeiro de Rei
e de amor xa sei
nesta romería
que eu ben cantarei!.

O Concello de Outeiro de Rei en sesión plenaria de 26 de decembro de 2006 outorgoulle a distinción de fillo predilecto deste municipio.

O 07/09/2013 abriu ao público a Casa-Museo Manuel María cita obrigada para amantes das letras e da cultura.

Flecha indicativa + info.: www.manuelmaria.com


> GUMERSINDO LAVERDE RUÍZ
GUMERSINDO LAVERDE RUÍZ Outra das persoas vencelladas a este Concello é Gumersindo Laverde Ruíz, que naceu o 5 de abril de 1835 na Estrada (Burgos), vivindo os primeiros anos da súa vida nas terras do Conde da Vega do Sella, de quen seu pai, Toribio Laverde, era administrador.

Con catro anos trasládase ca súa familia da Estrada a Nueva (Oviedo), onde nun ámbito poético, católico e tradicionalista comeza a amosar dende moi mozo, 15 –– 16 anos, o seu interese pola literatura, coleccionando libros, xornais, revistas e coleccións comercializadas por fascículos. Esta aficción pola literatura crece cos anos, mentres que ó mesmo tempo decrece a súa preocupación polos estudios oficiais; xa con 17 anos (no 1852) publica os seus primeiros poemas na revista -La España literaria- e un ano máis tarde co-funda un seminario científico e literario -Album de la juventud- na cidade de Oviedo.

Con 18 anos viaxa a Madrid para inicia-los estudios de segunda ensinanza mentres que continúa a publicar artigos en xornais como no "Círculo científico y literario" ou "El Diario Español"; reivindicando unha revitalización e estudio da filosofía española. Tamén nestes anos inicia outras actividades como a elaboración dun diccionario de mulleres escritoras españolas, que non rematou, ou a participación na Academia científica e literaria de Asturias promovida polo sacerdote Niceto Jaraba, profesor de grego na Universidade, participación que non durou máis alá de tres sesións polas diverxencias políticas entre os seus membros.

En 1859, xa como bacharel en Dereito, Filosofía e Letras, publica, sen firma, na "Revista de Instrucción Pública" o seu proxecto dunha Biblioteca de filósofos ibéricos; iniciativa que finalmente fracasou.

Permanece en Madrid catro anos máis, ata 1863, cando se traslada a Lugo para exercer como catedrático de Instituto e casar cunha luguesa: Xosefina Gayoso. Neste mesmo ano, e gracias á proposta dos seus amigos académicos Campoamor, Nocedal e Varela, Laverde é nomeado membro da Real Academia Española.

Nesta nova situación, casado e catedrático, esquece, aínda que por pouco tempo, as súas ansias pola filosofía española e publica versos e cantos por exemplo unha Oda ca que participou nun certame literario que a Real Academia abriu en honor a Isabel II, tres anos antes de que esta fora expulsada definitivamente de España, concurso que non gañou.

Xa a partir do verán de 1867, expón o seu desexo de editar un libro que reúna tódolos seus ensaios e artigos, obra que publicou en 1868 e que se converteu no único que publicaría. En 1871, cando Amadeo I chega a ser rei, Laverde é nomeado membro dun tribunal de oposicións de Madrid, tendo así que deixar Lugo, aínda que quedando nominal e economicamente como Director do Instituto de Lugo. O ano seguinte, 1872, ocupa un posto no Ministerio de Fomento e máis tarde, de novo volve a ser membro dun tribunal de oposicións.

Xa con 58 anos, consagrado como defensor da filosofía española, aproveita a súa estadía en Madrid para obter o grao de Doutor na carreira de Filosofía e Letras, e inmediatamente a cátedra de Literatura Latina das Universidades de Valladolid e Santiago, tomando posesión do citado cargo o 1 de Outubro de 1873 en Valladolid.

Un ano máis tarde, enfermo dos nervios, permutaría a súa cátedra por outra en Santiago, de onde xa non se moverá máis que para visitar Nueva e Outeiro de Rei, onde pasará largas temporadas recibindo o ánimo dos seus amigos a través das cartas. Neste sentido hai unha anécdota reflexada nunha carta de Varela a Menéndez Pelayo na que lle di:

-Aunque se ría Ud. de mi ignorancia, le quiero preguntar y le pregunto ¿dónde está Otero de Rey, en Asturias o en Galicia? He recibido carta de Laverde con fecha de allí, y por no saber la provincia a que Otero de Rey pertene-ce, no le he contestado todabía.-

Gumersindo morreu en Santiago o 12 de outubro de 1890. Dende a súa morte ata os nosos días, asistimos a varios intentos, todas frustrados, de reedita-las obras de Laverde; primeiro é a súa viúva coa axuda de Menéndez Pelayo quen o intenta, e máis tarde os herdeiros directos do mesmo Laverde, sen conseguilo tampouco.

Na actualidade o colexio de educación infantil e primaria sito na vila de San Xoán de Outeiro de Rei recibe o nome deste mestre, poeta e ensaísta e é en Outeiro de Rei onde Gumersindo Laverde Ruíz foi soterrado.


> XOÁN MONTES


Se ben este gran compositor e impulsor do rexurdimento cultural galego do século XIX, naceu na cidade de Lugo, a súa casa orixinaria atópase en San Fiz de Paz, concretamente no barrio da Igrexa, a uns cen metros da casa rectoral e fronte ó cruzamento do Camiño Real a Mondoñedo coa estrada local de Outeiro de Rei a Rozas; se ben tamén sabemos que os seus tatataravós [Carlos Cayetano Corredoira e Tomasa López] procedían de San Pedro de Arcos.



> EDUARDO PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS


EDUARDO PARDO DE GUEVARA Ponteceso, A Coruña, 14 de setembro de 1952

Doutor en Historia Medieval pola Universidade Complutense de Madrid, onde exerceu durante varios anos a docencia na cátedra de Paleografía e Diplomática, primeiro como Catedrático interino e máis tarde como Profesor asociado. Foi tamén bolseiro postdoutoral do Consello Superior de Investigacións Científicas e en 1989 ingresou por oposición no corpo de investigadores científicos. Exerceu como Científico Titular na Institución "Milá i Fontanals" (Barcelona), no Instituto de Historia (Madrid) e no Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento" (Santiago), ascendendo despois Investigador Científico e finalmente a Profesor de Investigación. Dende 1994 é, ademais, director deste último centro e, dende 1999, responsable tamén do Grupo de Investigación de Historia e Patrimonio (GHyP), que en 2002 foi recoñecido como "grupo de excelencia" pola Xunta de Galicia.

Foi investigador principal de media ducia de proxectos competitivos e de case unha vintena de convenios e contratos de investigación. Na actualidade dirixe o Dicionario Biográfico da Galicia dos Trastámara (1359-1480) e o Corpus de Epigrafía, Heráldica e Escultura funeraria medieval de Galicia (Séculos XIII-XVI). É, ademais, director da revista Cadernos de Estudios Galegos e das súas dúas series de Anexos e Monografías, así como da colección "Galicia Histórica, que edita a Fundación Pedro Barrié de la Maza e da que van publicados case corenta títulos.

Entre 1988 e 2004 foi representante de España ante a Confédération Internationale de Généalogie et d 'Héraldique, e, entre 1994 e 2005, vicepresidente e asesor da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia. Na actualidade, a súa actividade esténdese ao consello da Cultura Galega, onde foi responsable da Sección de Patrimonio Histórico, entre 2002 e 2008, así como ao Comité Español de Ciencias Históricas, de cuxa Xunta Directiva forma parte, e á Confederación Iberoamericana de Xenealoxía e Heráldica, da que é vicepresidente académico.

Pertence, ademais, a unha vintena de corporacións académicas nacionais, estranxeiras e internacionais. É, por exemplo, Académico Correspondente da Real Academia da Historia (Decano dos de Lugo), Académico de Número da Real Academia Matritense de Heráldica e Xenealoxía, así como Académico Titular -ou de Número- da Academie Internationale de Généalogie e tamén da Academie Internationale d 'Héraldique, ademais de Correspondente do Istituto Aráldico e Xenealóxico Italiano, da Asociación Portuguesa de Xenealoxía ou do Instituto Portugués de Heráldica. É, así mesmo, Académico Correspondente da Academia Americana de Xenealoxía, Académico de Honra da Academia Costarriqueña de Ciencias Xenealóxicas e Correspondente do Instituto Arxentino de Heráldica e Xenealoxía, do Centro de Estudios Xenealóxicos de Córdoba (Arxentina), da Xunta Sabatina de Especialidades Históricas (Arxentina), do Instituto Arxentino de Ciencias Históricas e Xenealóxicas, da Academia Guatemalteca de Heráldica e Xenealoxía, da Academia de Ciencias Xenealóxicas e Heráldicas de Bolivia ou da Academia Dominicana de Xenealoxía e Heráldica.

A súa dedicación á investigación histórica quedou plasmada nunha ducia de libros e noutros tantos capítulos de libros ou colaboracións en volumes colectivos, así como en algo máis dun centenar de artigos e estudios monográficos e en máis de medio centenar de prólogos e estudios introdutorios. Entre as súas publicacións destaca o Manual de Heráldica Española (1997 e 2000) e algunhas obras ben coñecidas en relación con Galicia: Don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos (Santiago de Compostela, 1996, 2 vols.), Paus, faixas e jaqueles (Lugo, 1997), As Armarías Municipais de Galicia (Santiago de Compostela, 1998 e 2003, 2 vols.), ou Los Señores de Galicia (A Coruña, 2000, 2 vols.).

En 1997 recibiu o Máster de Oro, do Forum de Alta Dirección e en 1998 o Premio internacional Dalmiro de la Válgoma, outorgado pola Confédératión Internationale de Généalogie et d 'Héraldique. É, ademais, Grande Oficial da Orde do Mérito Melitense (2000) e Comendador da Real Orde de Isabel la Católica (2004).

Con frecuencia acude á residencia familiar de Outeiro de Rei situada no emblemático Pazo de Mirapeixe (Santa Mariña).
Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .