
Martul (San Pedro)

Parroquia do arciprestado de Narla e da diocese de Lugo. Anexa á parroquia de Caboi e Francos polo Norte, Aspai polo Oeste, Parada polo Sur e San Xoán de Outeiro de Rei e Robra polo Leste; dista 3 km. da capital do Concello.
Atravesan as súas terras os ríos Miño e Ladra, e alcanza a súa máxima altitude no Monte Cordal Chinto (500 m.).
Presenta 90 veciños distribuídos en 2 barrios:
- Cartel (16 veciños)
- Martul (74 veciños)

Sobre a antigüidade da mesma, ca grafía "Martur" figura esta parroquia nun vello inventario de bens da catedral de Lugo pertencente, segundo a maioría dos historiadores, ó século XII. Dos vestixios históricos-arqueolóxicos localizados en Martul cómpre destaca-lo
vaso de borde revirado atopado nunha mámoa do Cordal de Acevedo, pertencente a Idade de Bronce; así como o gravado megalítico (actualmente na casa reitoral de Martul) e a igrexa parroquial, de orixe románica (aínda que só conserva da primitiva construción a ábsida).
Festividades:
O penúltimo ou o último fin de semana de agosto celébrase o San Bieito.
O 29 de xuño o San Pedro.
Antigamente celebrábase tamén o primeiro domingo de outubro a Virxe do Rosario.