
Gaioso (Santo Tomé)

Parroquia do arciprestado de Narla e da diocese e provincia de Lugo. Delimitada polo Concello de Friol (OE.) e o de Begonte (N.), e polas parroquias de Candai (S.) e Francos (E.); o seu templo parroquial dista 9 km. da capital municipal.
Presenta 26 veciños distribuídos nos tres barrios nos que se divide a parroquia:
- Algar (6 veciños)
- Cachopeiro (6 veciños)
- San Tomé (14 veciños)
Bañada polo río Porto de Sto. Tomé, os seus principais accidentes xeográficos son: o Monte Lourido (636 m.), o Cordal de Porriño (629 m.) e o Cordal do Penedo (579 m.).
En canto ós vestixios histórico-arqueolóxicos, ó Sur da parroquia hai un monte chamado "As Medorras" e no NO. outro chamado "Coto"; ambos están relacionados con civilizacións e lendas de mouros. Concretamente, no primeiro podemos atopar varias mámoas e no segundo, un asentamento castrexo. Ademais é atravesada polo Camiño francés.
Festividades:
Ata hai uns anos o último domingo de xullo celebrábase a festa da Virxe do Carme e antigamente festexábase tamén o San Blás.
Na actualidade e dende o ano 1999 celebrase no mes de agosto a Festa da Malla.