> Actualidade

24/11/2017 11:28

> O CONCELLO DE OUTEIRO DE REI CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Mañá  sábado  día 25 de novembro conmemórase o Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller e un ano máis, a través destas liñas, queremos manifestar o noso firme rexeitamento contra calquera forma de violencia contra as mulleres.

Por estas datas  lamentablemente temos sempre un especial recordo para as mulleres que perderon a vida vítimas da violencia.

Os datos deste ano seguen sendo alarmantes. Segundo o Portelo Estatístico da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, con data 30 de outubro xa se levan rexistradas 60.531 chamadas “pertinentes” ao teléfono 016, das cales 2.720 realizáronse desde Galicia. O número de denuncias por violencia de xénero elevouse na mesma data ata as 83.198, 3.354 delas en Galicia.

En canto ao número de mulleres vítimas mortais da violencia de xénero, este ano a Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero contabiliza 44 mortes ata o 10 de novembro, unha delas en Galicia. O Goberno non conta os casos que están aínda sendo investigados (a día de hoxe hai 3 casos así), co que o número real podería ser maior.  Tamén hai que salientar que ese número oficial xa iguala o número de vítimas de todo o ano 2016.

Non debe esquecerse tampouco que a violencia de xénero ten outras vítimas: os menores de idade. Neste ano hai 8 menores mortos por esta violencia, un deles en Galicia. Ademais quedaron orfos 23 menores de idade por causa desta violencia.

Segue sendo preciso tomar conciencia desta situación e reflexionar. En moitas ocasións,  aínda que hai maltrato non hai denuncias e outras moitas, a muller denuncia pero despois retira a acusación ou non vai a declarar.  Lembrar que todas as persoas que formamos parte desta sociedade temos a obriga de denunciar, facendo visible calquera situación de risco ou de violencia que coñezamos.

TELÉFONOS DE INTERESE EN MATERIA DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Teléfono da muller de Galicia

900 400 273

Atención a vítimas de malos tratos

016

Teléfono de urxencias

112

Traballadora social do Concello de Outeiro de Rei

982 393 281



Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .