> FESTAS

Practicamente todas as parroquias do Municipio de Outeiro de Rei celebran festas anuais, son de destacar:

Imagen festas santa Isabel > A vila de Outeiro de Rei celebra a súa festa a primeira fin de semana de xullo e durante tres días, na honra á súa patroa Santa Isabel. É unha festa con tradición que goza de recoñecido prestixio na zona. Recentemente rehabilitouse a capela de Santa Isabel, entorno á cal xiran parte destes tradicionais festexos.

Sábado: verbena amenizada por dúas orquestras.

Domingo: a partir das 9,30/10,00 h. hai pasarúas polo núcleo e barrios próximos á vila de Outeiro de Rei; ás 12,30 horas sáese en procesión dende a Igrexa de Outeiro de Rei ata a capela de Santa Isabel, onde se celebra unha misa cantada. Posteriormente e ata as tres da tarde, celébrase no Campo de Santa Isabel sesión vermouth amenizada por unha orquestra. A partir das 22,30/23,00 horas ten lugar a verbena que conta coa actuación de dúas orquestras. Durante toda a fin de semana, sobre todo o domingo, é frecuente ver merendas no Campo.

Luns: Ás 13,00/13,30 horas celébrase a misa na Igrexa de Outeiro de Rei. Ó finalizar, hai unha procesión polo centro da vila, acompañada por unha banda. Despois celébrase a sesión vermouth na praza do Concello amenizada por unha orquestra. Pola tarde, xogos infantís na praza e partido de fútbol. Pola noite, verbena cunha orquestra.


Feira da Artesanía de Outeiro de Rei
> No primeiro sábado do mes de xullo celébrase a Feira da Artesanía de Outeiro de Rei coincidindo coas festas patronais do municipio.

Esta feira vense celebrando dende o ano 2007 e nela pódense atopar en varias rúas da vila de Outeiro de Rei e camiño do Campo de Santa Isabel moitas pezas de artesanía procedentes, na súa maior parte, de varios recunchos da xeografía galega pero tamén doutros puntos da península. Ademais da artesanía, hai un espazo adicado aos produtos de alimentación de calidade no que non é difícil atopar, entre outros produtos, mel, queixos, embutidos, viño ou doces.

Entre os atractivos desta feira está a posibilidade de ver demostracións en vivo de oficios tradicionais destacando a que levan a cabo ano tras ano representantes das catro olerías de tradición que aínda perviven en Galicia: Buño, Gundivós, Niñodaguia e BONXE.

O programa da feira completase con talleres, diferentes exhibicións e actuacións musicais ofrecendo a posibilidade de xantar baixo unha gran carpa instalada na carballeira do Campo de Santa Isabel.

> Galería de imaxes da Feira de Artesanía


Imagen festa Arcos > Na parroquia de Arcos, celébrase a fin de semana coincidente ou posterior ó 14 de setembro, romaría na honra á Virxe das Angustias. Previamente, o 14 pola mañá dende as 9 e ata as 13,30 h. hai misas de exaltación do Ecce Homo. O sábado hai unha misa sobre as 13,30 horas e procesión. Despois sesión vermouth e pola noite verbena. O domingo é o día grande desta celebración; hai misas continuadas de 9 a 13,30 h (a intervalos aproximados dunha hora).

A misa maior, ás 13,30, finaliza sempre cunha procesión arredor da Igrexa na que se sacan as imaxes. Este día conta con tradición de merendas. Durante a mañá do 14 e do domingo, día este de exaltación da Virxe e hai tradición de “poñer o santo”: tres veciños da parroquia encárganse de poñer o “Ecce Homo” e a “Virxe das Angustias” ós devotos que así o desexen. Tamén hai quen realiza ofrendas con ex -votos de cera. Estes ex-votos representan distintas partes do corpo humano (“mans”, “pernas”, “cabeza”, “corazón”...), así como formas de animais (vaca, porco,...). O fiel que quere facer a ofrenda colle unha destas figuras e percorre, moitas veces de xeonllos, o entorno da Igrexa para despois devolver a figura ó lugar de onde a colleu.

O “Ecce Homo” e a “Virxe das Angustias” son Santos moi venerados, polo que acude xente doutros municipios.


Imagen festas penas de rodas > No espazo natural de “Penas de Rodas” localizado na parroquia de Gaioso, a Asociación Cultural “Penas de Rodas” organiza, xa dende o ano 1981, o primeiro domingo de agosto, a Romaxe de Penas de Rodas. O programa contempla un pregón da festa no que participaron xa moitos escritores lucenses, unha misa de campaña, unha comida, podéndose degustar, entre outras viandas, polbo, empanadas e churrasco. Pola tarde hai actuacións folclóricas, xogos populares e exposición de produtos de artesanía concluíndo o día cunha “queimada”.


> Na parroquia de Robra, a fin de semana e luns de Pascua celébrase a Romaría tradicional na honra á Virxe dos Dolores e ó Xesús de Nazareno.

Imagen festa Robra O sábado pola noite hai verbena amenizada por dúas orquestras. O domingo, a partir das 9 da mañá, hai misas a intervalos de 30 minutos ata as 13,30 h que se celebra a misa maior, seguida da procesión da Virxe e do Xesús Nazareno. Diante das advocacións, é portado por dous nenos o “lienzo da Verónica” coa efixie de Cristo; este lienzo data de 1863. As imaxes da procesión son portadas por 24 cofrades, vestidos co hábito de Xesús Nazareno, debaixo das andas da Virxe ían devotos ofrecidos de xeonllos. Recórrese unha vez o entorno da Igrexa, despois Santos e fieis retornan ó interior para recibir o Sacramento. Tanto a misa maior como a procesión son acompañadas por unha rondalla ou orquestra. Mantense o ritual de “poñer o santo”. Este ritual consiste en que unha persoa da parroquia de Robra, cunha imaxe pequena da Virxe dos Dores e do Xesús Nazareno, fai unha cruz encima da cabeza do devoto, o cal besa ditas imaxes e deixa unha esmola mentres o poñente recita a seguinte xaculatoria:

La Virgen de los Dolores
ampare y proteja
a este fiel devoto

Posteriormente, hai sesión vermouth amenizada por unha orquestra ata as 15,00 horas.
Pola tarde hai partido de fútbol e xogos infantís. A partir das 22,30/23,00 horas celébrase a verbena amenizada por dúas orquestras.

O luns é o día de exaltación da Virxe; os actos que se celebran son un reflexo dos acontecidos o domingo, (misas durante toda a mañá, procesión, rito de "poñer o santo", sesión vermouth amenizada por unha orquestra, xogos infantís e partido de fútbol). Pola noite, verbena amenizada por dúas orquestras.

Estas festas contan con gran tradición na zona, e a elas acude moita xente atraída pola tradición relixiosa e as boas actuacións.


Imagen festa Reis > O 5 de xaneiro, e organizada polo Concello, celébrase a tradicional Festa de Reis. Os actos céntranse no Polideportivo do Colexio de Outeiro de Rei. Pola tarde e a partir aproximadamente das 16,30 horas hai xogos infantís, despois unha merenda para os nenos e finaliza a xornada có acto central que é a Cabalgada de Reis. Sobre as 20,00 h, os Reis Magos parten do Concello e fan a súa entrada, despois de visitar o Residencial Carlos IV, no Polideportivo acompañados dos seus respectivos paxes, para proceder a recibir ós nenos e ás nenas do municipio.


Imagen festa Entroido






> Polo entroido, o Concello organiza unha festa cuxo acto central é o Concurso de Disfraces. As persoas que así o desexen poden participar nalgunha das catro categorías con diferentes premios. Celébrase normalmente a partir das 17,00 horas e a xornada finaliza coa actuación dalgunha orquestra. Estes últimos anos a celebración tivo lugar na praza do Concello.




Imagen fiesta Niños



> No mes de xuño e xa dende o ano 1999 ten lugar na praza da vila de Outeiro de Rei A Festa dos Nenos. A partir das 16,30 h. a animación está garantida con diversas atraccións (varios inchables, karts, merenda...) finalizando a xornada coa xa tradicional e divertida festa da escuma.









Imagen fiesta Jubilados



> En xullo tócalles a quenda ás persoas de máis idade do municipio coa celebración da Festa dos Xubilados que ano tras ano ten lugar no fermoso espazo natural do Campo de Santa Isabel e na que participan sobre 800 persoas.








Concello de Outeiro de Rei
Praza do Concello, núm. 1 - 27150 Outeiro de Rei
Telfs: 982393281 / 982393055 Fax: 982 393 112
Diseño web de Lugonet
 
Esta web utiliza cookies para analizar e mellorar os seus servizos, continuar coa visita supón a súa aceptación. Información sobre o uso de cookies .