
Situación económica do Concello
En Outeiro de Rei a principal fonte de ingresos ata os anos 70-80 do século pasado procedía da actividade agraria.
A partir deses anos houbo importantes transformacións e a actividade agropecuaria comezou a decaer debido en primeiro lugar á propia dinámica demográfica, motivo polo que as baixas por morte ou por xubilación superan amplamente as entradas de activos no sector, e en segundo lugar pola transferencia dun número importante de efectivos humanos cara ó sector terciario (servizos) e en menor medida, cara ó sector secundario (industria e construción), fenómeno que é xeneralizable a tódalas economías desenvolvidas.
Así ata chegar á actualidade onde, tal e como se pode apreciar na gráfica de poboación ocupada por sectores, é o sector servizos o que ocupa a maior porcentaxe de poboación (48,47%), seguido do sector secundario (30,17%) e do sector primario, que segue a ter un peso relevante na economía municipal e da emprego ó 21,30% da poboación.
SECTOR PRIMARIO
Dentro do sector primario hai un predominio da gandería sobre a agricultura, agricultura pouco diversificada que está destinada basicamente ó autoconsumo (normalmente pequenas hortas familiares dedicadas á produción de hortalizas, verduras, patacas...) e que coexiste cunha produción de cultivos forraxeiros orientados á alimentación do gando.
A paisaxe agraria sufriu nos últimos tempos fondas transformacións e as terras de labor foron cedendo paso ós pasteiros que tamén víronse incrementados pola deforestación dos montes; como consecuencia directa o número de gando, sobre todo bovino, aumentou.
Tamén estamos a asistir a un descenso continuado no número de explotacións gandeiras. No ano 1.993 e segundo datos extraídos do Anuario de Estatística Agraria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural había un total de 546 explotacións que descenderon segundo a mesma fonte a 406 no ano 2.000. Este descenso continuado podemos presupoñer que en parte está motivado polo envellecemento da poboación e por outro lado pola menor rendibilidade das pequenas explotacións que tenden a desaparecer.
En canto a orientación do gando bovino predomina o de leite sobre o de carne non obstante hai unha redución importante do número de vacas de leite debido posiblemente a dous motivos fundamentais: o primeiro é á mellora na xenética e no manexo das vacas que permite manter e inclusive aumenta-la produción a pesar de reducir o número de animais; o segundo, é á orientación produtiva de moitas explotacións cara á produción de carne, reorientación motivada pola insuficiencia de cota en moitas delas e das limitacións á produción.
A gandería completase coa explotación de gando porcino, polos de carne, ovino, e en menor medida, caprino e coellos.
Os matadoiros utilizados xeralmente para o sacrificio do gando son os de Rábade, Castro de Rei e Lugo.
Dentro deste sector primario atopamos varias canteiras en explotación.
O historiador Amor Meilán menciona que hai acoutados pero sen explotar os rexistros mineiros de ferro denominados María Petra e Catalina nas parroquias de Aguiar e Guillar respectivamente.
Na parroquia de Robra a empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas S.L., ten instalada unha central eléctrica aproveitando o Salto do Piago.
Dentro deste sector primario compre destacar tamén a riqueza forestal do municipio. En Outeiro de Rei a superficie forestal total en Has. é de 9.360 e as posibilidades de desenvolvemento deste sector son importantes. A produción da madeira de coníferas e moi superior a de frondosas; dentro as coníferas destaca o Pinus pinaster ou piñeiro do país; tamén o pinus radiata.
SECTOR SECUNDARIO
A actividade industrial emprega en Outeiro de Rei o 17,97% do total de poboación ocupada, estando a maior concentración de empresas na parroquia de Guillar, esta realidade pode cambiar proximamente debido ó aumento de solo industrial e á aprobación de diversos plans parciais, que permitirán a posta en valor de 250 Has. de terreo industrial no espazo coñecido como Zona Industrial de Outeiro de Rei, zona na que xa están emprazadas varias empresas (COREN, NORPRESA, POLINOX, CARPINTERÍA METÁLICA BEN ALONSO...)
Polo número de asalariados as industrias máis importantes son primordialmente as lácteas que se localizan á beira da N-VI, unha na parroquia de Robra "Corporación Alimentaria Peñasanta" e outra localizada na parroquia de Santa Mariña, "Leche Pascual", esta última cunha produción máis diversificada de zumes, auga mineral, batidos e cereais.
Aparte das lácteas, a actividade industrial está representada polas carpinterías tanto metálicas como da madeira, as empresas que se dedican á fabricación de formigóns, cerrallados para obras, escaiolas, transformacións da pedra ...
Atopamos no municipio algún industrial panadeiro por exemplo na parroquia de Guillar “Panadería Ramil S.L.” e “Panadería Ousa”.
Hai unha empresa dedicada á fabricación de produtos de pirotécnica a nome de “Pirotécnica Astariz S.L.” e tamén algún artesán que vive do seu oficio (cerámica de Bonxe, cesteiros, fabricación de instrumentos musicais, restauración de mobles...)
A boa situación xeográfica de Outeiro de Rei, unido ós bos accesos de comunicación e ós cambios que está a experimentar neste últimos anos, permiten augurar un futuro realmente prometedor a este sector industrial.
Construción
A construción experimentou en Outeiro de Rei un importante crecemento á par que actúa como factor dinamizador doutras ramas da industria como a dedicada ó tratamento da pedra natural e á fabricación de produtos.
|
A industria da construción ocupa ó 12,20% da poboación.
É de destacar neste apartado o incremento na realización de vivendas que se está a observar nestes últimos tempos, sobre todo coa construción de varias urbanizacións concentradas nas parroquias de Matela, Guillar, Robra e Outeiro de Rei. No 2.003 finalizou a construción da primeira promoción de vivendas de protección oficial localizadas na vila de Outeiro de Rei, un total de 34 e actualmente está aprobado un plan para a construción no barrio de A Palloza de 26 vivendas de protección oficial en edificación encostada e 30 vivendas unifamiliares en edificación illada. |
|
| Entrega de títulos de propiedade vivendas de protección oficial. 26/09/03 |
SECTOR TERCIARIO
O sector servizos xera o 48,47 % do emprego da zona e tamén o maior número de demandas por parte da poboación parada do municipio.
Inclúese dentro deste sector basicamente o comercio, a hostalería e hospedaxes, o transporte e tamén a sanidade, a educación, a administración pública, os servizos de ocio, etc.
Comercio
A actividade comercial ó por menor está orientada a satisfacer as necesidades básicas da poboación e concentrase principalmente no núcleo onde atopamos unha panadería, unha zapatería-mercería, unha farmacia, un supermercado e varios establecementos de hostalería.
Espalladas pola xeografía municipal aparece algunha outra panadería (por exemplo en Guillar), supermercado (en Robra), en Matela hai un establecemento dedicado á venta de pensos e pinturas e en varias parroquias do municipio atopamos as típicas tabernas (con tendencia a desaparecer) que a par que funcionan como bar tamén o fan como pequenas tendas de comestibles, é o caso de Bonxe.
Hai tres casas de turismo rural que ofrecen servizo de restaurante ademais de aloxamento (ver guía empresarial e teléfonos de interese), varios restaurantes (dous deles ofrecen tamén hospedaxe: “Hostal Illán” e o “Soborvila”; proximamente o Mesón González en Guillar ofertará tamén este servizo) e varios bares.
No municipio contabilízanse dúas gasolineiras, unha situada en Salete (Guillar) e a outra na parroquia de Robra.
Ó estar a poboación diseminada observase a existencia dun comercio ambulante que percorre tódalas parroquias ofrecendo basicamente pan, comestibles, pescados, téxtil e pensos.
Aparte hai varias empresas asentadas no municipio que desenvolven diversas actividades ó por maior:
- Comercio o por maior de froitas e verduras
- De leite e produtos lácteos
- De bebidas e tabaco
- De madeira, etc
Destacar que segundo o estudio de Caixa Galicia titulado “Cambios en los hábitos de compra y el comercio minorista de Galicia. 1982-2001” ó establecer comparacións co resto de municipios da provincia de Lugo, descóbrese que entre os municipios moi dinámicos esta o Concello de Outeiro de Rei, que xunto co de Corgo e Portomarín teñen un crecemento comercial para o período 1.996-2.001 que supón o triplo da media galega.
O Concello ten firmado un convenio co “Club de Campo y Tiro de Bonxe” que permite o uso, en condicións vantaxosas, das piscinas e resto de instalacións do Clube ós habitantes do municipio que desexen ser socios.