
Clima
O clima é oceánico, aínda que con certos trazos de continentalización, debido ó afastamento do mar e ó illamento provocado polos cordais montañosos que rodean A Terra Chá lucense. Isto tradúcese na presenza de precipitacións abundantes, baixas temperaturas invernais, frecuentes xeadas, néboas e veráns frescos.
A temperatura anual media oscila entre os 10º C e os 13º C, correspondendo ás temperaturas máis baixas (5º C - 6º C) os meses de decembro, xaneiro e febreiro, nos que se alcanzan con frecuencia mínimas absolutas nocturnas por debaixo de 0º C.
As temperaturas máis altas (17º C - 18º C) danse nos meses de xuño a agosto, o que non exclúe a presenza esporádica de máximas absolutas que poden chegar ós 30º C - 35º C.
En canto ás precipitacións anuais, sitúanse nos 1.000 mm. Aínda que parece unha cifra importante, ditas chuvias concéntranse no inverno mentres que escasean no verán, o cal, provoca, especialmente no Sur do Concello, un déficit hídrico que pode abarcar 6 meses [de abril/maio ata setembro].